Saturday 27 de April de 2024

A Festa da Merenda de Aiazo (Frades) volverá o domingo 10 de abril despois de dous anos sen celebrarse pola pandemia sanitaria


Volverán repartirse merendas de forma gratuíta entre as persoas asistentes, que non poderán consumilas na barra para evitar aglomeracións de xente

París de Noia, Tania Veiras, Faíscas da Pontraga e a Charanga BB+ encargaranse da música

Despois de dous anos de ausencia por mor da pandemia sanitaria, a parroquia de Aiazo (Frades) traballa xa na volta da súa gran celebración anual: a Festa da Merenda, que este ano cumprirá quince edicións. Unha iniciativa organizada pola Asociación de Veciños “Os Pasos”, en colaboración co Concello de Frades, e que terá lugar o Domingo de Pascua, é dicir, o vindeiro 10 de abril na área recreativa de Aiazo (Frades. GPS: 43º 0´58” N – 8º 16′ 54” W).

Dende a organización están atentos á evolución da pandemia sanitaria para establecer o protocolo de actuación pero o que xa teñen decidido é “non deixar apoiarse no mostrador para comer as merendas. Organizaremos unha ou dúas entradas nas que catro ou cinco persoas poidan ir recollendo as merendas e marchen a comelas a outra parte do campo da festa”, explica Charo Astray, voceira da Festa da Merenda, quen engade que “así evitamos un dos puntos nos que máis xente se xunta na festa”. Unhas merendas que seguirán sendo de balde, se ben tamén hai a posibilidade de mercalas en caixas de pizza por uns prezos de 3 euros por merenda (5 euros por dúas merendas).

A Asociación de Veciños “Os Pasos” de Aiazo acordou recuperar a festa nunha reunión mantida hai un par de semanas. “Aínda que hai quen ten medo, o certo é que a maioría ten gañas de alegría, de saír e de desfrutar”, apunta Charo Astray, quen sinala que “en canto se puxo en marcha, todo está indo como en edicións anteriores”. Entre as que non faltarán á cita figuran as cociñeiras da parroquia que se encargarán un ano máis de elaborar centos de tortillas de masa con torriscos no propio campo da festa.

Festa da Merenda

A XV Festa da Merenda dará comezo ás 12:00 horas coa degustación gratuíta destas merendas, elaboradas baixo carpa pechada durante toda a xornada por entre 15 e 20 cociñeiras, que se irán relevando en varias quendas. A base das merendas é común para todas (ovos, auga e fariña), pero despois cada cociñeira daralle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).

As merendas poderanse degustar de forma gratuíta no campo da festa ou na área recreativa, se ben dende a organización tamén manterá a posibilidade de comprar merendas para levar, que se entregarán en caixas de pizza: unha por 3 euros, dúas por 5 euros. Haberá pulpería e churrasco todo o día (de pago) dentro da carpa.

Durante a mañá amenizarán a festa a Charanga BB+ e o grupo ordense Faíscas da Pontraga. A partir das 18:30 horas comezará a verbena a cargo da orquestra París de Noia e o grupo Tania Veiras.

A organización facilitará varias zonas de aparcamento na contorna do campo da festa. De feito, o acceso de automóbiles á área recreativa só estará permitido ata as 12:00 horas, para carga e descarga. Así mesmo, estará prohibido entrar no recinto do campo da festa con bebidas. Dende a organización lembran que tamén se pode colaborar coa festa mercando un pano conmemorativo.

A Festa da Merenda naceu hai dezasete anos para lembrar estas tortillas de masa, que foron moi utilizadas na comarca de Ordes en tempos de necesidade. Unha iniciativa que buscaba lembrar ás novas xeracións a importancia que este alimento tivo noutros tempos pero que agora xa se converteu nunha das citas gastronómicas máis agardada da comarca.